Historia
A ACADEMIA SANTA MARÍA DE VILALBA
CURSOS 1957/1958 e 1958/1959
Xosé Ant. Pombo Mosquera (Historiador)
Reflexión previa
A academia Santa María de Vilalba naceu en 1950 para responder á necesidade sentida de dar educación e instrución a mozos e mozas da comarca.
Eran anos nos que a xente tentaba superar a traxedia da guerra de 1936-1939. As aspiracións de 1932 de sacar o ensino medio das ordes relixiosas e crear un instituto de ensinanza media nas cabeceiras dos partidos xudiciais quedaran atrás porque os gobernos republicanos non realizaron dotación económica suficiente, deixaron en mans dos empobrecidos concellos parte do seu sostemento e porque a incivil guerra perturbou moi gravemente a sociedade.
O campo era, escasa ou abundante, a fonte de riqueza. A situación estratéxica de Vilalba como nó de comunicacións non se aproveitaba como motor do despegue económico. Para o transporte, os escasos automóbiles, autocares e camións debían ser suplidos con cabalos e béstas por causa do lamentable estado de camiños e estradas. No núcleo urbano convivían os labores agrícolas da veciñanza con comerciantes, funcionarios e subministradores de servizos. Feiras e feiróns mensuais marcaban o ritmo económico da comarca levando numerario ao rural que logo era gastado en parte na vila: moitos dos negocios tiñan que ver coa alimentación e co vestir.
Aínda así na década de 1950 o concello de Vilalba gañaba habitantes e superaba os 20.200. Será a partir de 1965 cando os máis novos marchen ás cidades e ao estranxeiro, cando baixe a natalidade e se reduzan os habitantes a 17.300 no ano 1970.
Doc. 1. Vista xeral de Vilalba. Anos 50.
As academias
Malia a necesidade de educación e instrución que se sentía na sociedade como base para lograr a mellora económica e malia que o auxe demográfico aportase máis xente nova que demandaba ensino, en Vilalba, despois de 1940, non se estableceu ningún colexio, nin laico nin relixioso, dos oficialmente recoñecidos, é dicir, dos que podían examinar e emitir cualificacións recoñecidas, dos que tiñan profesorado con titulación idónea e suficiente, e dos que contaban con instalacións adecuadas.
Esta situación era común á sociedade española da época. Para darlle saída, e dado que os institutos e colexios non ofrecían as ensinanzas desexadas en lugares que as demandaban, optouse polas academias, tipo de centro escolar que perdurou ata case a década de 1980. Nelas recibíanse docencia conforme os programas oficiais dos distintos estudos: ingreso, bacharelato elemental e superior, comercio, maxisterio. Ao longo do ano realizábase un seguimento do aproveitamento do alumnado que logo, en xuño e setembro, nun instituto de Ensino Medio, debía realizar un único exame por cada materia que compoñía o curso no que previamente se matriculaba. Os oportunos aprobados completaban os estudos que darían lugar a un título oficial proposto polo centro examinador e mediante o que se demostraban os coñecementos adquiridos. Era o denominado ensino libre.
A academia Santa María de Vilalba
Naceu en 1950 e emprazouse na casa nº 11 na daquela rúa das Hortas, inicio da estrada de Betanzos. Durou ata 1966-1967, cando se puxo en marcha na localidade o instituto de Ensinanza Media que foi dotado de amplos espazos e onde, polo menos en teoría, impartía docencia profesorado de titulación idónea. Nel foise incorporando o alumnado nos distintos cursos de ensinanza oficial.
Entre 1950 e 1968 foron moitos os rapaces e rapazas que se matricularon e estudaron na academia Santa María. Xeracións de vilalbeses recordan con luces e sombras aqueles tempos nos que se lles ofreceu o que se puido para completar os niveis medios da súa educación e instrución.
Dentro do funcionamento da academia Santa María, ben se sabe, había exames, trámites e informes. Lamentablemente, e como sucede moitas veces, o peche da institución supuxo que se perdesen ou dispersasen papeis que, coidábase, xa non eran útiles. Hoxe, cincuenta anos despois, moitos queren mirar para aqueles tempos idos e reflexionar sobre o transcorrer da vida.
Os cursos 1957-1958 e 1958-1959 na academia Santa María de Vilalba.
Por ser a deusa Fortuna favorable, de recóndito lugar chegaron ás nosas mans uns documentos referidos á vida diaria da academia Santa María nos cursos 1957-1958 e 1958-1959. Pola documentación atopada podemos saber que:
1º. Profesorado. En febreiro de 1958 figuraba como director, e docente, don Adolfo Pato, párroco de Santa María de Vilalba. Cobraba 650 pt mensuais polas clases de relixión en xaneiro-febreiro de 1958. Era o resto do profesorado: dona Rosario Pérez Infante, cunha asignación de 1.200 pt; don Daniel Ferreiro Álvarez, 3.100 pt; don Cándido Cascudo Ramudo, 2.750 pt; don Francisco R. Felpeto, 1.750 pt; don Félix Marín Mesones, 250 pt. Era o porteiro don Antonio Paz Cabo, cun salario mensual de 1.000 pt. Importaban as nóminas do mes, 10.700 pt.
2º. Alumnado. No cadro que se reproduce máis abaixo, e que serviría para o control dos pagamentos do alumnado, obsérvase que os recibos emitidos son referidos ao número de rexistro do alumno, do 139 ao 320, do que se deduce que eran 82 rapaces e rapazas as que se agrupaban en distintos niveis de preparatorio de ingreso, cursos de bacharelato, de maxisterio e de comercio. Obsérvese que algúns dos recibos presentan descontos, poida que por ser de familias numerosas.
3º. Custes. Os alumnos pagaban segundo o número de materias e modalidade na que se matriculaban. Para o curso 1957-1958 e para as recuperacións de verán de 1958 dispoñemos dos datos que reproducimos:
Curso 1957-1958. Custes dos cursos
Verán de 1958. Custes das clases
En xaneiro de 1958 os recibos postos ao cobro ascendían a 11.985 pt. aínda que non podemos asegurar que se cobrasen todos nin que se cobrasen con puntualidade. Da cantidade total dos recibos, descontadas as nóminas, quedarían 1.285 pt para atender gastos de alugueiro da casa, luz, reparacións, material escolar... Sabemos que a renda trimestral do edificio importaba 775,15 pt máis a contribución municipal e os gastos bancarios de envío dos cartos, o que daría unha cantidade aproximada de 200 pt/mes. Era a propietaria do edificio dona Lucinda Silveiro Álvarez residente en Madrid. Pola copia dunha carta a ela dirixida, e datada en outubro de 1958, sabemos que daquela se lle pedía permiso para tirar dous tabiques e ampliar espazos e como se soubese da pretensión de vender casa e horta, os titulares da academia ofrecían 125.000 pt.
Para referencia do que podían ser hoxe estas cantidades, incluímos os valores medios dos produtos do campo nas feiras de 1958. Son datos que certificaba o concello de Vilalba e que servían de referencia para traducir a numerario o pagamento de rendas fixadas en especies.
Prezos dos produtos do campo en 1958 nas feiras de Vilalba
Xaneiro-febreiro 1958. Recibos postos ao cobro
3ª As clases. No curso escolar eran de mañá e tarde de luns a sábado, ambos incluídos. O horario de verán de 1958 iniciábanse ás 9 horas e remataba ás 14. Naqueles tempos o auxilio dos rapaces en traballos do campo eran norma e, agás excepcións, durante o estío non asistían os aprobados de xuño.
4º. Organización escolar. No documento que reproducimos a continuación aparece o cadro horario do curso 1958-1959. O alumnado agrupábase segundo o curso de matrícula. Se os grupos eran pequenos, o que sucedía con frecuencia, un único profesor atendía dous ou máis nunha mesma hora e aula. Contemplábase, a maiores da propia docencia, uns tempos de ‘permanencia’, especie de estudo titorado no que tamén se impartían explicacións complementarias ou no que os discentes poderían pedir aclaracións do estudado.
5º. Memoria final. De 1958-1959 consérvase unha memoria final que director e secretario accidental asinan a 14 de outubro de 1959. Pola mesma sabemos que:
a) Incorporárase como profesora dona Mª del Carmen Peña Rodríguez.
b) Os 113 alumnos e alumnas dese ano académico agrupábanse do seguinte xeito: - En preparatorio e ingreso de bacharelato, 30 alumnos. - En primeiro de bacharelato, 26. - En segundo, 15. - En terceiro, 15. - En cuarto, 14. - En quinto, 2. - En sexto, 1. - En maxisterio un total de 8 entre ingreso e outros cursos. - En comercio de terceiro e cuarto, 2.
c) Alumnos de ingreso: 10 deles fixeron as probas de xuño e aprobaron todos; en setembro foron 7 e tamén aprobaron todos. Na reválida de Grao Elemental aprobaron 5 alumnos en xuño e 2 en setembro. Entre todos os cursos de bacharelato, maxisterio e comercio obtivéronse: 491 aprobados, 83 notables, 31 sobresalientes e 3 matrículas de honor.
d) Polo seu aproveitamento, aplicación e comportamento, concedéronselle diplomas aos seguintes alumnos: - Lucía Castro Río, de ingreso; - Nelly Cillero Hermida, - José M. Fraga Pita, - Ramón Rey Guerreiro e - José Vidal Meilán, de primeiro ano; - Antonio Paredes Paz, de segundo ano; - Mª del Pilar González Dovao, - Francisca Gayoso Rey e - Eladio González Dovao de terceiro ano; - José Manuel Rodríguez Bouza de cuarto e reválida.
e) Becas. Con cargo á propia academia concedéronselle a Mª del Carmen González González e a Mª del Pilar González Dovao. Tamén media beca a Julio Giz Ramil. As becas continuarían no curso seguinte.
f) Como complemento da materia de educación física creouse un equipo de fútbol que se denominou ‘Estudiantil’ e que participou nun campionato local. Mostrábase intención de dar continuidade a esta actividade.
Curso 1958-1959. Horario
Aula: Boletín da Academia-Colexio Santa María
Entre os citados papeis destaca un folleto de oito paxinas editado pola academia Santa María, impreso en ‘Gráficas Junor’ que leva por título Aula. Boletín editado por la Academia-Colegio Santa María. Ano I. Número 2. Dátase en xaneiro-marzo de 1955.
Na primeira páxina, a xeito de editorial, reflexiónase sobre a necesidade da cultura.
Na segunda Daniel Ferreiro, subdirector do centro, trata das aptitudes e vocacións.
Na terceira Paulino García Seco, alumno da Escola de Peritos Agrícolas de Madrid, diserta sobre a oliveira e o seu cultivo.
Na cuarta e quinta don Adolfo Pato Bernárdez, cura párroco e director, divulga a figura de santo Tomás de Aquino, patrón dos estudantes.
Tamén na quinta hai unha reflexión sobre a necesidade de retomar as excursións de finais de curso que se viñan realizando.
Na sexta Carlos Luís Ferreiro rememora con morriña a terra galega.
Na sétima José Marín, alumno de primeiro curso de maxisterio, dá a coñecer unha composición poética de carácter romántico denominada ‘Atardecer’.
Na oitava reprodúcese o texto do himno da academia debido á pluma de Carmen Prieto Rouco e cítase que a música era da autoría do mestre Pérez Ramírez.
Himno da academia Santa María. 1955.