Profesores

 

ADOLFO PATO BERNÁRDEZ

Director da Academia e profesor de Relixión.

CÁNDIDO CASCUDO RAMUDO

Naceu o 29 de novembro de 1918.

Licenciouse en Filosofía e Letras. Despois da súa etapa de profesor na Academia de Vilalba, nos anos sesenta foi profesor interino no Instituto Masculino de Lugo de Lingua e Literatura e de Xeografía e Historia.

Obtivo a praza de agregado desta última materia en 1975. Foi Vicesecretario do Instituto en 1978, e xubilouse o ano 1986.

Certificado Profesor Adxunto (25/11/1961)
Nomeamento Profesor Agregado (13/01/1975)
Certificado Cuerpo de Profesores (17/01/1975)
Nomeamento Vicesecretario Instituto Masculino (12/04/1978)

CARMEN PEÑA

Carmen Peña Rodríguez naceu en Vilalba o 30 de xuño de 1919. Seus pais foron Antonio Peña Novo (Vilalba, procurador) e Mercedes Rodríguez Prieto (Vilalba, ama de casa). Tivo dúas irmás, e unha delas foi mestra. Fixo os seus estudos primarios na escola privada “La Inmaculada”, de Dona Sagrario Rodríguez. Cursou o Bacharelato desde 1933 ata 1939 no Instituto Manuel Murguía, que funcionou durante a República no edificio que hoxe é Hospital Asilo de Vilalba. Estudou na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela de 1939 a 1944, na sección de Química e, unha vez licenciada, incorporouse como profesora na Academia Santa María de Vilalba, recén inaugurada. Nela tivo que impartir as clases de Matemáticas de 1944 a 1965.

Ao crearse en 1966 o Instituto Basanta Silva, entrou nel como profesora non numeraria. Aprobou as oposicións de Segunda Ensinanza de Matemáticas, obtendo praza no Instituto Virgen de la Luz de Avilés (curso 1965-66). Alí permaneceu somente un curso, e regresou ao Instituto de Vilalba por concurso de traslados. Xubilouse en 1986, e faleceu o 30 de outubro de 2005.

Moi recordada polos seus alumnos, que cariñosamente a coñeceron como “a Peñita”.

Ver información en Pioneiras de Ciencias de Lugo.

DANIEL FERREIRO ÁLVAREZ

Daniel  Ferreiro Álvarez nace en A Fonsagrada (Lugo), o 20 de outubro de 1914. Realiza estudos de maxisterio en Santiago de Compostela. Máis tarde consegue os títulos de Perito, Profesor e Intendente Mercantil en A Coruña.

Foi mobilizado ao comezo da Guerra Civil  e así comeza a súa carreira militar que pasa por ser alférez e tenente. Na batalla do Ebro resulta ferido e recibe unha condecoración. No tempo no  que transcorre a Guerra enviúva do seu primeiro matrimonio do que lle quedan dous fillos: Carlos Luis e Mª de la Paz.

En 1941 contrae matrimonio con Rosario Pérez Infante en Almodóvar del Campo (Ciudad  Real), do que nace outra filla, Mª Ángeles. Este feito marcará un punto de inflexión na súa vida ao abandonar a carreira militar e dedicarse ao ensino. O matrimonio instálase en Os Vilares (Ourol) onde permanece un ano e onde Daniel imparte clases nunha escola nacional. Despois, trasládanse a Vilalba, onde imparte clases particulares, primeiramente na súa casa para, pouco despois, integrarse cun grupo de profesores que daban clase de bacharelato, maxisterio e comercio na  denominada Academia Santa María, da que foi director.

Paralelamente ás súas actividades docentes nas que imparte matemáticas, francés e contabilidade, ocupa postos dentro da localidade como interventor do Concello e presidente do Racing club  de Vilalba.

Despois de 29 años, cando a Academia deixou de funcionar, reingresou no corpo de mestres e estivo un ano con destino provisional en Monforte de Lemos. Ao seguinte ano, de forma definitiva ocupou una praza en Sama de Langreo, onde impartiu clases de matemáticas na denominada segunda etapa de EXB e permaneceu ata a súa xubilación en 1983. Desde entón, viviu en Oviedo ata o seu pasamento o 5 de marzo de 1996.

ROSARIO PÉREZ INFANTE

Rosario Pérez Infante nace en Madrid o 20 de marzo de 1921.Estuda bacharelato no Instituto de Ciudad Real.

Cando tiña 15 años estala a Guerra Civil polo que tivo que deixar os estudos e traballar nun hospital de sangue como enfermeira .Cando acabou a guerra,  como quedou en territorio dos vencidos, tivo que volver estudar bacharelato ao non convalidarlle o feito anteriormente. Aos  21 anos, casa con Daniel Ferreiro e o matrimonio vaise para Galicia, cos dous fillos das primeiras nupcias de Daniel.

Na época da Academia Santa María impartiu clases de cultura xeral e ingreso para o instituto.  Simultaneamente cursou os estudos de maxisterio examinándose por libre na Escola Normal de Lugo ata obter o título de mestra. A continuación, seguindo co seu traballo na Academia, preparou oposicións e aprobou á primeira. Ao igual que Daniel, cando a academia deixou de estar activa, reingresou no corpo de mestres.

Solicitou  escola e adxudicáronlle de forma provisional a praza de Sanche en Muras coincidido ese año co que Daniel exerceu en Monforte  Ao ano seguinte déronlle, de forma definitiva, a escola de Corgo  e un ano despois foi reclamada por Daniel no concurso de traslados na modalidade de consortes de xeito que, en 1971, accedeu a unha praza de mestra en La Felguera, traballo que desempeñou ata a súa xubilación en 1986.

Na actualidade, con 97 anos de idade, reside en Plasencia (Cáceres), coa súa filla Mª Ángeles.